11/12/18

Nebulosa do Corazón

Durante dúas noites frías de novembro e cambiando de telescopio , desta vez co TS80 APO ,decidinme a tomar una serie de fotografías da Nebulosa do Corazón , moi preto de Cassiopea. Trátase da estrea da Canon 550d monocromática e refrixerada  que tantas ganas tiña xa de probar. En primeira instancia probei con exposicións de 300s con guiado (un total de 25) e tras ver o resultado do apilado decidinme tamén a estrear o filtro H-Alpha de 7nm, de Optolong , para comparar resultados. Seguindo o consello da persoa que me vendeu a cámara, Henrique Silva, tomei desta vez exposicións de 600s ; tiven que desbotar varias tomas ata que o guiado foi o suficientemente bó pois algunas delas estragáronse polo vento ou por vibracións causadas por Otto, o meu cadelo, cada vez que entraba e saía do observatorio a toda présa . Tiven que toquetear durante media hora os parámetros de guiado ata que as desviacións no seguemento da montura non pasaban de 1 arc/segundo ( o equipo empregado traballa a unha resolución de 1,84 arc/s pixel).  A humidade ambiental non pasou durante as 2 noites do 70% e a temperatura oscilou entre os 6 e os 11 graos Celsius. A peltier da DSLR logrou baixar a temperatura do sensor ata os 3º C dutante toda a sesión minimizando bastante o ruído térmico. Persoalmente o rendemento da Canon sorprendeume para ben e resulta abraiante que capte tanto sinal; é obvio que una CCD adicada a astrofoto renderá máis pero para un astrofotógrafo principiante a relación calidade-precio é óptima e creo que os resultados son moi aceptables tendo en conta que o observatorio está baixo un ceo de tipo rural-suburbán  (habería que medir cun SQM...)

A imaxe final é resultado de apilar 20 tomas de 600s coas correspondentes tomas de calibración (agás flats)  e o filtro  H-Alpha de 7nm . O procesado levouse a cabo co Pixinsight e con retoques finais en Adobe Lightroom. Dicir que comezo a avanzar no uso desta ferramenta de procesado tan potente que inflúe moito no resultado final  do traballo (diría que máis dun 50%); inda que queda moitísimo por aprender os resultados son xa satisfactorios para min e moi motivadores para profundizar e mellorar para futuras ocasións . Dende que fai uns meses conto cunha instalación fixa do equipo , o non perder todo ese tempo en montar/desmontar e  desprazamentos, o aproveitamento do tempo é moito máis eficiente e en 20min. todo o equipo está operativo.
Otto xa comprendeu que non pode entrar e sáir ás carreiras do observatorio e agora cando asoma pola porta, quédaseme mirando fixamente coa cabeza algo baixa esperando un xesto de aprobación para a continuación camiñar moi despaciño ata a "oficina" e enroscarse debaixo da cadeira na que estou sentado. Alí descansa un cacho e, en canto escoita una curuxa ou ao raposo , contén ese enerxía coa que pretende perseguilo xusto ata a porta de saída e a partires de aí non hai quen o pare correndo e ladrando.
José, o primo de meu pai que xa é maior, está preocupado toda a noite por se paso frío ; eu xa lle explico que agora  non é coma antes, que xa non me xía na cabeza á intemperie. Inda así , mantense esperto ata ben tarde e, sabendo que non abandono o posto de mando ata as 3 ou 4 da madrugada,  procura ter o lume aceso  para que vaia quentar as mans e os pés. Inda non entende moi ben que fago alí dentro toda a noite mais de vez en cando invítoo a que olle a lúa a través dun ocular. Ver a cara de sorpresa que pon é tamén moi gratificante para un astrónomo afeccionado.
Queda pendente engadirlle cor e aprender a combinar canles no Pixinsight.


Fotografía publicada en Ceos Galegos; crónica na seguinte ligazón:
https://ceosgalegos.com/2018/11/24/o-corazon-do-cosmos/





15/09/18

Lúa dende o DITO : 2-9-2018

Aproveitando a boa estabilidade atmosférica e que coa lúa non se prestaba para fotografía de ceo profundo en RGB decidín facer uns cantos vídeos da lúa para logo procesar.
Estiven a trastear varios días con varios programas de edición e tras apilar e editar con diferentes parámetros obtiven unas imaxes bastante decentes ao meu parecer.
Estou abraiado pola nitidez que dá o Maksutov-Newton. É un delicia tanto para visual como astrofoto.

Datos técnicos das fotografías: vídeos de 200" capturados con EZPlanetary e apilados en Autostakkert, seleccionando o 30% dos mellores frames. Wavelets en Registax e deconvolución en Fitswork.

Ubicación: DITO
Montura: NEQ6 Pro II
Telescopio: MN 190/1000
Cámara : QHY5 II mono a foco primario
Temperatura: 21ºC en torno ás 2:00h.
 
 
 



03/06/18

Observatorio astronómico caseiro DITO (Deneb International Toande Observatory)


Neste 2018 unha das metas era ter o meu propio observatorio para a práctica tanto da astronomía visual como fotográfica. Teño a sorte de dispor dun ceo cunha contaminación lumínica contida e o espazo para unha instalación fixa . O reto era grande e as ganas tamén. Se queres saber máis sobre como se fixo, convídote a que visualices esta pequena presentación  (ao final do post,  link de descarga) :





Preme aquí para descargar:  https://drive.google.com/file/d/1nh3bDgSOLl6pHiTjKc7IGxJH6eCkO_qL/view?usp=sharing




Twitter Delicious Facebook Digg Stumbleupon Favorites More

 
Design by Free WordPress Themes | Bloggerized by Lasantha - Premium Blogger Themes | Affiliate Network Reviews