20/09/17

M33 : Galaxia do triángulo.

Nesta madrugada pasada do 20/9/2017  tomei o risco de saír co equipo tendo en conta as previsións nada boas do tempo.  Ultimei a limpeza de oculares, telescopio e e réflex e procurei ir con 2 baterías ben cargadas; o frío merma moito a capacidade das mesmas. En torno ás 20:00 h. cheguei ao destino, en San Estevo do Campo,Arzúa , e dispúxenme a montar o equipo; contei coa grata compaña de Otto , o meu fiel cadelo, que sempre me acompaña toda a noite.

 En torno ás 21:00 xa tiña todo listo mais tiven que agardar media hora máis pois,  xa comezaban e verse no ceo Vega e Arturo, pero a Polar inda se resistía. Miña nai pasou por alí e fixo un comentario inoportuno : "Onte desta hora cubreuse todo de névoa e non se vía nada" . - Vaite de aí, espetei, non me sexas gafe...
Unha vez coa Polar centrada no introscopio aliñei a 3 estrelas e finalmente procedín coa rutina do Polar Align  , que incorpora a NEQ 6 e que sirve para correxir deriva. Aínda non estou moi famliarizado  co Polar Align e tras repetilo 5 veces inda me dicía que tiña erro tanto en altura como azimut.  Para próximas ocasións teño en mente proceder co método Bigourdan de deriva das estrelas. 
Unha vez que non apreciaba deriva nas exposicións, enfoquei co Live View da cámara a un estrela preto de M33, neste caso Mirach, da constelación de Andrómeda, e programei o disparador intervalómetro. Unha vez comprobado que todo ía con normalidade deixei o equipo só e fun cear con calma; tiña 2 horas por diante. Unha das vantaxes de montar ao lado da casa é que podes marchar e arrimarte á cociña de ferro para escorrentar o frío e de paso comer unhas castañas , que este ano son ben boas. Ademáis , tes aos teus achegados menos preocupado por ti; que se a ver se che aparece un lobo polo monte, ou xente con malas intencións ou a saber... O certo é que sempre que saio observar ou afotar a un lugar alonxado sempre mando ubicación a través do Whataspp; é algo altamente aconsellable creo eu, nunca se sabe se podemos ter unha indisposición , accidente ou quedarnos tirados... 
Cando regresei, todo o equipo estaba empapado, chorreando literalmente (sobre todo a cámara). Por sorte , a cinta calefactora fixo o seu traballo e no tubo non había gota de condensación. Coas tomas de luz xa realizadas, tapei o telescopio e tomei os dark e bias . Recollín todo (o que máis pereza dá) e volta para Arzúa coa furgo.  Tras descargar o equipo deixei os maletín abertos para que se aireara toda a noite a fin de previr o deterioro dos elementos ópticos como a formación de fungos. 
O resultado desta sesión é a fotografía que vedes a continuación.

M33  unha galaxia espiral, más pequena que a Vía Láctea ou Andrómeda e que se atopa a 2,8 millón de anos luz. É unha galaxia que baixo a nosa perspectiva se nos mostra plana co cal é sinxelo apreciar os brazos espirais e o núcleo galáctico inda con telescopios de pequena apertura . En ceos excepcionalmente escuros pode observarse a ollo desnudo inda que a experiencia é máis agradable cun prismáticos de 10x50 . En M33 hai moitas rexións de formación estelar que non se aprecian nesta fotografía pois a cámara non permite captar o espectro de luz infravermello. Para a próxima probarei con outra cámara que si teño modificada para tal uso.

Datos técnicos da fotografía:

Ubicación: San Estevo do Campo, Arzúa.
Temperatura: 9ºC
Equipo: TS 80/480 sobre NEQ 6 Pro II
Cámara: Eos 70D
Lights : 50x90s
Darks: 20
Bias: 20

Apilado en DDS e procesado en Adobe Lightroom.


M33 dende San Estvo, Arzúa, o 20-9-2017.


A Otto encántalle trasnoitar.
Detalle do equipo empregado.

















01/09/17

M31: galaxia de Andrómeda


Onte por fin estreei equipo en condicións e puiden realizar a primeira fotografía dun obxecto de ceo profundo.
A Galaxia de Andrómeda (M31) é o obxecto máis alonxado da terra que é visible a simple vista e atópase a uns 2,5 millóns de anos luz. Ten un diámetro de 220 mil anos luz e un número de estrelas similar á nosa galaxia. Na fotografía podedes discernir o centro galáctico, máis iluminado, e os brazos que del parten . Na parte superior advírtese outro punto luminoso que... destaca; trátase doutra galaxia ,M110, e abaixo lixeiramente á dereita tedes (M32). Finalmente, nun dos brazos cara a dereita hai unha zona que destaca cunha tonalidade azulada : NGC 206, unha rexión de formación estelar moi activa.
Nunha noite estrelada e sen contaminación lumínica vese perfectamente a ollo e xa cuns prismáticos de 10x50 a experiencia é moito máis pracenteira.
Datos técnicos da fotografía:
Telescopio: TS 80/480mm triplete sobre NEQ6 Pro.
Cámara: Eos 70D.
Tomas: 25 exposicións de 90s, ISO 3200 sen guiado; 20 tomas dark e 15 tomas bias. Sen flats.
Procesado: apilado en DSS e revelado en Adobe Lightroom.
Localización: San Estevo do Campo, Arzúa (21/8/2017).
Temperatura: 17ºC


Preme aquí para ver en máis calidade:


Equipo

Ao longo de 2016 e 2017 fun conformando aos poucos o meu actual equipo coa primeira intención adquirir coñecementos básicos de astronomía e localización de obxectos no ceo con binoculares; o seguinte paso natural , como aficionado que son á fotografía , era a adquisición dun tubo óptico para astrofotografía e astronomía visual de grandes campos e una montura robusta  que lle acompañase. Finalmente, optei por un refractor de pequena abertura e boa corrección cromática  e una montura con posibilidade  de cargar tubos máis pesados (quizáis nun futuro...).







Telescopio:   TS 80/480.




Montura:      NEQ 6 Pro II SynScan Go to.




Autoguiado: Lunático. (QHY 5 II Mono).




Prismáticos: Nikon Action EX 10x50.
                      Bresser Spezial Astro 20x80.




Cámaras:     Canon Eos 550D sen filtro IR e refrixerada.
                      Canon Eos 70D .




Power Bank DIY : Batería AGM 50 Ah .



Twitter Delicious Facebook Digg Stumbleupon Favorites More

 
Design by Free WordPress Themes | Bloggerized by Lasantha - Premium Blogger Themes | Affiliate Network Reviews